Sunday 28 de April de 2024

Segunda sesión de Á xunta da noite, en Bardaos


Segunda sesión do programa de descentralización cultural Á xunta da noite, organizado durante este verán polo Concello de San Sadurniño. Este venres á noitiña actuaron en Bardaos os actores/monologuistas Pepo Suevos e Luís Zahera. Durante hora e media ofreceron un espectáculo man a man con altas doses de improvisación onde repasaron vivencias dos anos 90 salpicadas cunha chea de ocorrencias instantáneas.

O público gozou da actuación e tamén da cea, servida de balde pola Confraría do San Pipote -coorganizadora do evento canda ao Concello-, sen que ninguén tivese que moverse do seu sitio nin compartir mesa. A veciñanza de Bardaos mesmo se encargou de boa parte do protocolo de seguridade, agrupando sillas por persoas convivintes e distribuíndoas sobre o chan do recinto previamente marcado para asegurar o distanciamento social.

Ao remate da velada o Concello sorteou dous vales para facer gasto tanto na clínica local Fisio-che-ben como no café bar Santos. Tal e como comentou Amparo Calvo, titular da área de Cultura, un dos obxectivos do programa Á xunta da noite é “apoiar, aínda que sexa só un pouco, a recuperación da cultura galega e apoiar á súa xente, que non puido traballar durante o confinamento e que está notando os efectos da crise pola falla de programación”. A concelleira engadiu a este respecto que a iniciativa “tamén quere contribuír en certo modo á recuperación do noso comercio, dos nosos servizos e da nosa hostalaría”, razón pola que en todas as citas de Á xunta da noite o público entra de balde no sorteo dos vales para consumir ou gastar no tecido produtivo local.

O programa trasládase o venres que vén -sempre é os venres ás 20.30h.- á capela de Santo Estevo do Camiño Arriba, onde actuarán Peter Punk, a AC Berros do Castro e a Escola Municipal de Cantos de taberna. Ao venres seguinte, 7 de agosto, tocaralle a Igrexafeita e os días 14, 21, 28 de agosto, 4, 11 e 18 de setembro será a vez, por esta orde, de Lamas, Santa Mariña do Monte, Naraío, Silvalonga, Ferreira de abaixo e San Sadurniño.

Para todas estas citas cómpre reservar previamente, xa que o aforo está limitado a 100 persoas. Pode facerse no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919. Nas reservas haberá que indicar os datos persoais e o domicilio, xa que se lle dará prioridade á veciñanza de San Sadurniño. En principio todas as actuacións serán ao aire libre coa idea de gozar dos espazos tal e como son. Se desen mal tempo instalarase unha carpa.